Friday 03 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño amplía o prazo de inscrición no programa Espazos das familias


O Concello de San Sadurniño organiza de novo este ano o programa Espazos das familias, dirixido a todas aquelas que teñan nenas e nenos de entre 0 e 3 anos. Trátase dunha actividade de apoio á educación que ofrece un espazo de relación e xogo onde profundizar no desenvolvemento das crianzas. As sesións desenvolveranse cada quince días na Casa da Cultura desde o 9 febreiro ata o mes de maio. As inscricións poden facerse nas oficinas de Servizos Sociais do Concello, a través do correo pilar.calvo@sansadurnino.gal ou chamando aos teléfonos 981490 027 ext 1 e 673 903 922. Desde o departamento informan de que aínda hai prazas dispoñibles para completar o grupo.

“Espazos das familias” é un programa que hereda a función e a estrutura do desaparecido Preescolar na casa. Vai dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, unha etapa da infancia na que a rapazada empeza a descubrir o mundo arredor e na que se comeza a formar a que será a súa personalidade futura.

As xuntanzas desenvolveranse, en principio, os mércores cada quince días entre o 9 febreiro e mediados de maio, en horario de 17:00h. a 18:30h. As sesións propóñense como un xogo colectivo e perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o núcleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable, igualitaria e suxeita a normas de convivencia.

Ademais, o programa tamén está enfocado a que as familias interactúen entre elas, que compartan experiencias, opinións, etc.. Os encontros non substitúen a función dunha escola infantil, aínda que si axudan á aprendizaxe por parte das nenas e nenos e á súa socialización por medio de actividades en conxunto, algo que lles será de grande utilidade cando lles chegue o tempo de ir ao colexio ou á EIM.

O obxectivo de Espazos das familias tamén é favorecer o desenvolvemento psicomotriz do meniños e meniñas ademais da súa creatividade. Por iso as propostas que atoparán cada quince días na Casa da Cultura priorizan os entretementos sinxelos para toda a familia que despois se poden seguir poñendo en práctica na casa. Neste sentido, aos pais e nais tamén se lles facilitan algunhas claves da educación que se deben ter en conta dentro da familia, ademais de insistirlles na importancia do seu exemplo como referente dos nenos e nenas.

Para obter máis información ou para apuntarse nos Espazos… pódese chamar ao 981490 027 ext 1 ou ao teléfono do Programa de Educación Familiar: 673 903 922. Malia que o último día para anotarse foi o 23 de decembro, o Concello decidiu ampliar o prazo durante todo este mes de xaneiro, habida conta de que aínda hai prazas dispoñibles para completar o grupo.

Para apuntarse é imprescindible enviar ao correo pilar.calvo@sansadurnino.gal a ficha de inscrición e, no momento en que empece o programa, entregar tamén a documentación de aceptación de condicións da participación e a declaración responsable referida á COVID-19. Todos os papeis necesarios poden descargarse na web www.sansadurnino.gal. O desenvolvemento da actividade estará condicionado pola situación sanitaria que poida haber nas datas previstas de inicio.